15 feb. 2017

Energía Solar para Bombeo de Agua


Unha das compoñentes das intervencións de abastecemento de agua en comunidades que queremos potenciar tanto ESF como as nosas copartes socias en Honduras, é a utilización dunha fonte de enerxía renovable para o bombeo.
Isto está máis que xustificado polo alto custe e inestabilidade do sector enerxético, tal e como se recolle aquí.

No Sur de Honduras, pleno "corredor seco", o chamado "forno centroamericano", esa fonte renovable non podía ser outra que a solar.

Así é que no proxecto "Fortalecemento das capacidades locais e da planificación comunitaria para mellorar o acceso ao dereito á auga potable e saneamento a través da xestión integrada do recurso hídrico, nos 7 municipios da Mancomunidade Nasmar, Honduras, Fase 2", financiado pola Xunta de Galicia,
comezouse a incorporar esta compoñente. Iniciouse con actividades como:
 + capacitacións a técnicas municipais sobre deseño de sistemas, contando para elo coa laboura voluntaria dun docente da Universidade da Coruña que desfrutou este ano dos Proxectos de Coñecemento da Cooperación, dos que podedes coñecer máis información aquí;
+ instalouse na comunidade de Varsovia, Azacualpa, municipio de El Triunfo, un sistema de bombeo por enerxía solar, como proxecto piloto sobre o que poder obter unha aprendizaxe.


Agora ben, a aplicación do sistema de bombeo abastecido por enerxía solar, non implica só unha tecnoloxía e instalacións diferentes, senón que conleva un cambio sustancial no uso e manexo da auga na comunidade.

E iso por que?
Pois porque implica un gran cambio: pasar dun sistema de ter auga por turnos a un sistema en continuo, e pasar dun sistema de cantidades fixas, a un sistema de "pago por consumo", co apoio dos micromedidores.

- As comunidades que usan unha bomba de agua conectada á rede eléctrica, funcionan xeralmente por turnos de agua.  É dicir, prenden a bomba durante un día, por exemplo, enchen o tanque, e despois por gravidade distribúen esa auga á comunidade ou a unha parte, e logo repiten o proceso. Así, ao non dispor dun sistema en continuo, as casas non teñen auga na billa seguido, senón que enchen unha pía, e van regulando ese consumo para os días que teñen antes de que lles volvan a distribuir auga.
Este sistema, conleva un consumo de auga constante (enchido da pía cada periodo de reparto), pero implica tamén un gran desperdicio de agua, cando teñen que botar a agua sobrante na pía antes do novo enchido.

Co sistema solar, acompañado polos micromedidores, proponse en cambio o seguinte funcionamento: ao ter auga na billa de xeito continuo, é de agardar que as familias non precisen dunha pía na que garden tanta cantidade de auga, co que o consumo real estaría máis controlado pola súa parte. Os micromedidores e unha cota de pago axustada ao consumo, lles permitiría autoregularse, non excederse.
A nivel técnico, o consumo diario producido por toda a comunidade, baixaría o nivel de auga no tanque común, pero ao dispor dunha boia cun sensor conectado á bomba, esta se activaría e podería estar funcionando todo o día, até chegar outra vez ao máximo. Así, cada día se enchería de novo o tanque até a súa capacidade máxima. O deseño do sistema debe facerse buscando a máxima incidencia da luz solar nos paneis, para que estes poidan rendir a máxima potencia, e así alimentar correctamente á bomba. Aínda así, a potencia de bomba requerida con este sistema sempre sería moi inferior á que usariamos cunha conexión á rede eléctrica. Isto débese a que non fai falla encher todo dunha vez, senón ir enchendo cada día o consumo diario da comunidade.